Novo Xornalismo

Tuesday, November 14, 2006

1. Os blogs. Información e novo xornalismo

Alguén -que me quere ben- decidiu que nestas xornadas blogueiras fora eu quen conducise un pouco un tema amplo, complexo pero, sobre todo, novo, e que demos en chamar: Información e novo xornalismo. "Novo xornalismo" ¿E que raio é iso?, diredes algúns. Seguramente teredes algunha razón os que pensedes que é unha etiqueta que nos sacamos da manga os xornalistas para definir unha cousa nova que non sabemos definir. Hai algo de certo pero, nesta ocasión -e sen que sirva de precedente- a etiqueta non é mala. En outubro deste ano celebrouse en Valencia un congreso con ese título: I Congreso Internacional de Nuevo Periodismo (no link podedes acceder á páxina do congreso). Vou botar man da definición que eles empregan para explicar este fenómeno: falan dun xeito de xornalismo "vencellado ás novas tecnoloxías da comunicación" e, moi esspecialmente, "á participación dos cidadáns na elaboración dos contidos informativos". Falan tamén dun fenómeno "que se vén revelando nos últimos tempos como imparable e cunha trascendencia que, todo a súa magnitude, aínda non está evaluado". E así é: se durante anos os medios de comunicación saían coma quen di, cada morte de bispo, agora nacen cada hora, incluso cada minuto. Non temos que esquecer que, segundo os datos de Technorati, a día de hoxe son máis de 57 os millóns de blogs que hai no mundo. E cada blog, mellor ou peor feito, non deixa de ser unha nova canle comunicativa ou, se queredes, un novo medio de comunicación; novo xornalismo, a fin de contas. E reparan tamén os colegas valencianos en que estamos nunha era na que se está a difuminar e a redebuxar o binomio tradicional entre emisor e receptor. Hoxe, e grazas ás novas tecnoloxías, un receptor pode pasar a ser emisor cun golpe de click, algo novo, sorprendente e imposible só hai, poñamos, dez anos. E remato este primeiro post con outra reflexión dos colegas valencianos: "O novo xornalismo non coñece aínda os seus límites. Trátase dun xornalismo cidadán que muda a concepción da profesión, xa que un dos pilares da redacción ten que se reconstruír, o editor asume un novo papel porque entra en escena a interactividade". "Como se pode -pregúntantse- xestionar a cantidade de fotografías e información que os cidadáns crean na Rede ou mandan ao xornal coma se foran correspondentes?". E remato agora si esta primeira parte lanzando ao aire unha reflexión: cal é o papel destes "improvisados xornalistas", con que información e formación contan e como se controlan as fontes neste novo medio. Como todo post, este primeiro texto require dos vosos comentarios e da vosa participación, desa interacción da que falamos. Así que me gustaría saber que pensades deste novo xornalismo que tanto parece preocupar (sobre todo, aos editores tradicionais).


0 Comments:

Post a Comment

<< Home