Novo Xornalismo

Tuesday, November 14, 2006

3. Novo xornalismo feito por xornalistas vs novo xornalismo feito por non xornalistas

O título fala claro. Hai xornalistas que -e agora veremos os posibles motivos- decidiron crear novos medios na rede, e hai xente que non ten nada que ver con este oficio que eu profeso e que tamén o decidiron, algún cun notable éxito. Logo, estes "intrusos" -e o digo con cariño- ¿pasan a ser xornalistas polo mero feito de redactar e editar un medio de comunicación? Non sei se xornalista é o termo, pero desde logo si que son informadores. Os haberá bos e os haberá malos, igual que hai medios de comunicación cribles e intoxicadores e manipuladores que se agochan detrás das cabeceiras máis diversas. Relamente, cada persoa por sí mesma, desde que aprende a comunicarse, é un medio de información por si mesmo. De curto alcance, se queremos, pero emisor de información en calquera caso. O que fixeron as novas tecnoloxías foi amplificar ese lareta que todos levamos dentro, colocáronnos un altofalante diante da boca para que digamos o que nos pete, verdades ou mentiras, coa seguridade de que seremos escoitados por moita xente. Vouvos poñer varios exemplos de blogs feitos por xornalistas e feitos por "intrusos" -e insisto en empregar este termo con todo o respecto e todo o cariño-.
Este é o blog de Nacho de la Fuente, compañeiro meu en La Voz de Galicia, que vén de gañar o premio Bob's 2006 ao mellor blog en español: La Huella Digital. ¿Que pode levar a un xornalista que traballa arreo as súas horas nun medio de comunicación, a crear outro medio novo, no que terá que invertir moito tempo, moitos esforzos e, incluso, algúns cartos? Coñezo a Nacho e coñezo a outros compañeiros que fixeron o mesmo, eu incluído, e podo afirmar categóricamente que, por enriba de todo, está unha paixón pola profesión. ¿Egocentrismo quizais? Tamén pode ser. ¿Ganas de ser un mesmo, por riba do que che deixe ser a empresa que che paga? Tamén é posible. ¿Rebelión contra un medio no que traballas e que non che deixa contar o que de verdade quererías contar? ¡En ningún caso! E diredes: Estás de coña... Pois non o estou, porque Nacho de la Fuente, coma eu fago en www.rabudo.com ou como fan os meus amigos Fernando Varela en Argallando.net e Manuel Rico en Periodismo Incendiario, suscribimos con nome e apelido todos e cada un dos posts que publicamos, e iso non o faría alguén que quixera enfrontarse abertamente ao medio para o que traballa. En calquera caso, o novo xornalismo permite incluso iso: que o redactor dun medio ataque e morda duramente a man que lle dá de comer amparado no anonimato institucionalizado. Alá cada quen se o fai. Dous datos: La Huella Digital tiña hai nada máis de 150.000 visitas; Manolo Rico anda polas 200.000. Por certo, que aproveito a mención ao blog de Manolo para que vexades como tamén no mundo dos blog manda ás veces o sentido común. Periodismo Incendiario ten uns principios e unha liña editorial, que podedes ler [aquí]. Seguro que teredes moitos comentarios que facer ao que di Manolo. Hai miles de exemplos máis de xornalistas con blog, non teño problemas en pasarvos enderezos.
Antes de rematar, un exemplo dun blog con moito éxito feito por alguén que non é xornalista, senón percebeiro, actor ocasional e outras cousas: o blog de Suso Lista. Aínda que, máis coma min, Suso é un contador de historias, o seu é tamén un medio de indudable contido informativo. ¿Lista é logo un xorna-lista? Cada un pensará o que queira e todos teremos razón. En calquera caso, o seu é un medio máis, co seu cabeceiro, a súa periodicidade, os seus contidos e, sobre todo, os seus lectores que, por certo, son lexión. Deixámolo aquí e agradecerei os vosos comentarios.

0 Comments:

Post a Comment

<< Home